Un poema de amor Aquí?

Un poema de amor Aquí?

Escribiríache con gusto un poema de amor. Metería nel a visión do teu corpo e esas mans carniceiras sobre min. Devoraría o teu soldado interior-baby…
Lamentabelmente non podo facelo. Non teño industrias para dar acubillo a esta ansia túa. E así-como quen non quere a cousa-calo.

O pulso mide os metros de distancia: constrúe un sistema matemático da usura: un lugar que non existe.

Aquí non está.

Mentres-as cabezas caen ceo abaixo. Discordantes na intemperie. Son cabezas grandes e inmensas. Cabezas rodando cabezas sobre nós. Aquí: neste sitio que non é-procuramos a cociña da casa-por exemplo. Destinámola á diverxencia.
Facemos dela un centro de observación natural e vemos -¡Oh si! Lo vemos!-que existe un tramo que nos separa: dende o cuarto até o baño: unha autoestrada interior: a ponte que-supostamente- acurtaría distancias.

A política faise Aquí: por iso non existe.

Daquela-meu amor- teño claro o que facemos. O que facemos é transitar: percorrer distancias infindas para abrazármonos. E a devoración faise explícita da seguinte forma: ti achégaste pola porta e eu-sabendo como sei que queres tragarme- abro a boca para meterte dentro. Somos entón un laboratorio humano-darling-un vivísimo sacrilexio indecente. Por iso non podo escribir un poema de amor.

A científica exploración urbana trouxo o decepcionante da luz incandescente: ces verdoyants vermicelles lumineux qui traînent à nos côtés-comme des vermines…

E-líquidos xa pola desazón-amámonos menos. Por iso este poema-me beloved-non pode ser outra cousa que un poema da destrución: o esquema da usura de Pound.

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Un poema de amor Aquí?

  1. Certo, un oema de amor cru, como a mesma vida, como o mesmo amor. bicos.

  2. recomendoche este blogo ritafrances.blogspot.comseguro que che vai interesar.bicos. ofir

Os comentarios están pechados.